Friday 19 de April de 2024

Suspéndense o Carme dos Pincheiros e o Entrebateas


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), xunto coa concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a súa homóloga da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), anunciaron que se suspenden o Carme dos Pincheiros e o Entrebateas. É unha decisión que se tomou conxuntamente entre o Concello e as entidades organizadoras de cada un dos eventos, motivada pola situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, pois, tal e como indicou o rexedor, cos datos deste 30 de xullo, con 33 casos a 7 días, “situariámonos dentro dunha semana en 33 casos a 14 días, é dicir, unha semana antes do inicio das celebracións estariamos cun número de casos en incidencia maior que cando decidimos suspende-lo Carme do Castelo; polo tanto, considerámolo necesario.” Deste xeito, quixeron traslada-la mensaxe de que “non hai festas porque estamos nunha situación seria e hai que comportarse de acordo con ela, intentando frea-la pandemia no noso concello”, ademais de que nos actuais niveis de restrición máxima e alta xa non se poderían realizar este tipo de festexos. Así mesmo, no referente ao Entrebateas, a pesar de que tería lugar no mes de setembro, o mandatario local sinalou que, nesta situación, non consideran apropiado anunciar e darlle publicidade a un evento desta magnitude. Expresaron así o seu agradecemento tanto á comisión do Carme dos Pincheiros coma á organización do Entrebateas.

A edil da Cultura apuntou que se tiña previsto que ámbalas programacións “fosen adiante, pero, debido á situación que estamos vivindo e cos datos que temos da COVID, cremos que non é o momento máis oportuno”. Pola súa parte, a concelleira da Promoción Económica referiuse a como afectan este tipo de decisións o comercio e a hostalaría, pero indicou que, neste momento, é preciso ser prudentes “para que non teñamos que pechar nin haxa unha repunta importante.”